As tardes de luns e xoves teñen cita co benestar na Piscina da Merca. As clases de AQUAGYM son a opción ideal para facer exercicio de forma segura, divertida e refrescante. Unha actividade perfecta para mellorar a forma física, fortalecer a musculatura e coidar das articulacións, todo dun xeito divertido e apto para diferentes niveis. Non é preciso inscrición previa. Participación libre e gratuíta.
Días luns e xoves
20:15 a 21:00 h
Piscina da Merca
Anímate a participar e desfruta dos beneficios do exercicio na auga! Vén ás sesións de Aquagym!!
Achegamos infografía recibida da Consellería de Medio Rural que resume a ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.
Do 1 de xullo ao 30 de setembro, cando o Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) sexa moi alto ou extremo, autorízase a realización de actividades preventivas, silvícolas e agrícolas con maquinaria en terreos forestais e na súa zona de influencia, co cumprimento das seguintes obrigas:
Entre as 12:00 e as 18:00 horas, será obrigatorio contar con:
Unha persoa auxiliar como observadora dos traballos.
Un vehículo con depósito de, polo menos, 400 litros de auga.
Dous batelumes.
Un extintor de 6 kg.
Unha mochila extintora de 15 litros.
En todo caso, o cumprimento destas medidas preventivas e das condicións establecidas pola normativa vixente non exime das responsabilidades que poidan derivar da provocación dun incendio forestal.
En caso de detectar un conato de incendio, avisa inmediatamente ao 085, ao 112 ou a través da aplicación Alume.
Extremar as precaucións é responsabilidade de todas e todos. Axudemos a protexer o noso monte.
O Concello da Merca, representado polo concelleiro de Cultura Deportes, José Benito Sampedro Feijoo, estivo presente en Toulouse na montaxe e posterior exposición “MULLERES DOUTROS MUNDOS”, do recoñecido fotógrafo Manuel Outumuro.
Unha mostra que pon en valor a diversidade, a identidade e o papel das mulleres a través dunha mirada artística única, e que sitúa tamén ao noso concello en espazos culturais de proxección internacional.
Ademais, aproveitouse a ocasión para iniciar o expediente para o nomeamento de Manuel Outumuro como fillo predilecto da Merca, en recoñecemento á súa traxectoria e vinculación co municipio. Compartimos con vós unha pequena reportaxe fotográfica desta experiencia.
O Concello da Merca abre de novo a posibilidade de inscrición ao Campamento de Verán 2026, co obxecto de cubrir unha praza que quedou libre na 2ª quenda do mes de xullo. Esta inscrición estará aberta os días 15 e 16 de xuño a través da sede electrónica do Concello.
Publicado 29.05.2026
O Concello da Merca pon en marcha unha nova edición do Campamento de Verán 2026, unha iniciativa dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos que combina lecer, educación e conciliación familiar.
Este programa ten como principal obxectivo ofrecer un espazo seguro, dinámico e inclusivo onde os máis pequenos poidan desfrutar do verán a través de actividades educativas e lúdicas, ao tempo que se facilita a conciliación da vida familiar e laboral das familias.
Persoas destinatarias
O campamento está dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos, con prioridade para persoas empadroadas no Concello da Merca.
Datas e quendas
O campamento desenvolverase durante os meses de verán en catro quendas:
1ª quenda: do 29 de xuño ao 10 de xullo
2ª quenda: do 13 ao 31 de xullo
3ª quenda: do 3 ao 14 de agosto
4ª quenda: do 17 ao 28 de agosto
Un mesmo menor poderá participar en varias quendas.
Lugar e horario
As actividades realizaranse nas instalacións do CEIP Joaquina Gallego Jorreto De 09:00 a 14:00 horas
Posibilidade de servizo de madrugadores desde as 08:30 horas
Actividades
O campamento contará cun programa variado baseado en xogos, talleres e dinámicas educativas, centrado en
Desenvolvemento emocional e autoestima
Educación ambiental e respecto pola natureza.
Traballo en equipo e resolución de conflitos
Actividades en contacto co entorno natural
Saídas á piscina municipal en días concretos
Prezo
O campamento é totalmente gratuíto, condicionado á concesión da subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.
Inscrición
O prazo de inscrición estará aberto 30 de maio as 00:00 h ao 9 de xuño (ata as 23:59h) (ambos incluídos)
As solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica do Concello ou, de maneira excepcional, no rexistro municipal.
As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición segundo os criterios establecidos nas bases. As listaxes de persoas admitidas publicaranse nun prazo máximo de cinco días hábiles tras o peche do período de inscrición.
Con motivo da adhesión do Concello da Merca ao Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, a veciñanza titular dos predios afectados por ditas faixas secundarias nas parroquias priorizadas, poden levar a cabo a formalización dos contratos de xestión de biomasa previstos no citado convenio nas oficinas do Concello os martes e xoves, a partir do 26 de maio de 2026. As solicitudes achegaranse xunto coa documentación prevista, segundo a Resolución do 15 de decembro de 2025 da Consellería do Medio Rural, no DOG núm. 250 do 29 de decembro de 2025:
Referencia catastral do predio.
No seu caso, declaración responsable de acreditación da propiedade do predio ou da titularidade do dereito de aproveitamento daquela, se correspondese a unha persoa distinta á propietaria.
No caso das comunidades propietarias de montes veciñais en man común, as solicitudes deben incluír o acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio de copia da acta da asemblea, ben por medio de certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade.
As parroquias priorizadas no Concello da Merca son as seguintes: Olás de Vilariño (Santa María) A Manchica (Nosa Señora de Lourdes) Zarracós (Santo André) A Merca (Santa María) A Mezquita (Santa María)
Convocatoria para a contratación de 3 peóns/peoas forestal, durante 9 meses segundo a Resolución da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (núm. de expediente TR351G-2026-89-03) notificada ao Concello de A Merca, Orde do 22 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2026. (DOG núm. 24, de 05.02.2026), a xornada completa, baixo a modalidade contractual de contrato de traballo temporal, coas cláusulas específicas de contrato para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral, para que preste os seus servizos no Concello de A Merca.
As funcións a desenvolver serán as seguintes:
Silvicultura
Biomasa
Limpeza de montes
Tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa
Calquera outro acto de natureza similar non relacionado que sexa ordenado pola autoridade municipal co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Queres darlle unha segunda vida aos teus mobles? Este curso é para ti! Aprende técnicas básicas de restauración e transforma pezas antigas en auténticas xoias
Comezo: 5 de maio de 2026
Horario: Martes de 16:00 a 19:00 h
Lugar: Antigo Centro de Saúde
Inscricións: Concello da Merca – 988 26 00 00
O curso non inclúe o material polo que cada participante deberá asumir o custo do mesmo. Así mesmo, as persoas inscritas deberán traer o moble que desexen restaurar (mesillas, cadeiras, cabeceiros de cama, etc.), sendo imprescindible levalo xa o primeiro día.
Este 17 de abril, a etapa 4 da carreira ciclista O Gran Camiño, – Camiño de Ourense – atravesará o noso concello, pasando polos pobos de Campelo, Casal de Maus, Corvillón, Manchica e Parderrubias.
Unha oportunidade única para vivir de preto unha gran proba ciclista e animar aos corredores nun ambiente festivo e deportivo
Sae á rúa, participa e forma parte deste gran evento!