Convenio para prevención e defensa dos incendios forestais
O Concello da Merca e a Consellería do Medio Rural asinaron un Convenio para a realización de accións de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os anos 2025-2026, cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria común (PEPAC) 2023-2027.

Os traballos a realizar desenvolveranse en vías e camiños forestais, áreas cortalumes ou faixas de xestión da biomasa de titularidade municipal, superficies sobre as cales a entidade local teña cesión de aproveitamento, uso e/ou desfrute realizada por parte das persoas responsables de acordo co artigo 21 ter da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, superficies de propietario descoñecido, previa acreditación de dita condición e/ou zonas de servidume de camiños e valgadas dentro das zonas de xestión de biomasa.
Os obxectivos que se pretenden conseguir son a prevención e defensa dos montes fronte as catástrofes naturais, os incendios forestais e as pragas e enfermidades, así como a conservación do medio e a cultura forestal.
